A Gran guerra irmandiña estivo precedida de múltiples revoltas en certas zonas e localidades. Segundo algúns historiadores, como Carlos Barros Guimeráns, a primeira revolta organizada como Irmandade na Baixa Idade Media galega é a de 1418-1422 en Santiago de Compostela.
A nobreza galega vivía un século XV de conflitos e confrontación internas. Á intranquilidade xerada por tal serie de conflitos sumábanse os efectos negativos da epidemia de 1466, así como anteriormente a peste e as malas colleitas, que provocaron ademais unha caída de rendas da nobreza, o que derivou nunha actitude recadadora agresiva para contrarrestar esta diminución.
Existía, por tanto, un sentimento acumulado de agravio, polos males e danos que as vilas e a xente recibían das fortalezas (percibidas como refuxios de malfeitores), tanto de señores e cabaleiros como de prelados.
Outro agravante era a debilidade do Estado medieval que tiña lugar en toda Europa, o que con frecuencia levaba a que o rei se apoiase nas cidades e vilas para frear a nobreza feudal.

Esta aguda crise social e política favoreceu o desenvolvemento das Hermandades. Así, xa entre 1456 e 1460 varias vilas de Guipúscoa utilizaron a irmandade contra a nobreza local, arrasando un gran número das súas casas fortes "porque façian e consentían muchos robos e malificios en la tierra e en los caminos e en todos los logares". En 1464 unha nova Hermandad General castelá celebrou a súa primeira xunta en Segovia. Esta irmandade permaneceu inicialmente baixo control de Henrique IV, que a utilizou contra os partidarios do seu irmán Afonso.
Nos principios da primavera chegou a revolta xeral, cando as Xuntas das Irmandades, organizadas en tódalas comarcas galegas, lanzaron a consigna contra as fortalezas, símbolo do acoso señorial.
As columnas irmandiñas, que unha testemuña do preito Tabera - Fonseca cifra en oitenta mil omes, comezaron a percorrer as comarcas, e coa forza do seu número e o auxilio de trabucos, bombardas e outras armas, acabaron rendendo a gran maioría dos castelos e fortificacións galegas.

Torre de San Sadurniño, destruida durante as revoltas.

Restos do Castelo de San Xurxo
A vitoria irmandiña foi rápida e completa. Os autores máis próximos a estes acontecementos relatan a lista de castelos, fortificacións, simples torres ou casas fortes que foron total ou parcialmente derrubadas. O seu número, segundo calcula Lojo Piñeiro, pode chegar a 169. Descoñécense cantas fortificacións foron entregadas pacificamente á Irmandade e cantas deberon ser tomadas pola forza. Nas declaracións do preito Tabera - Fonseca indícase que os irmandiños arrasaron mesmo fortificacións de cabaleiros participantes ou simpatizantes da Irmandade, e non só fortificacións dos señores, senón tamén casas-fortes de fidalgos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario