martes, 29 de marzo de 2016

María Vázquez Suárez

                                                    13

Maruja, como lle chamaba a súa familia, natural de Vilaescura, foi mestra na Pobra do Caramiñal e en Miño dende 1918 ata 1936, ano en que foi asasinada.
María Vázquez Suárez naceu en Santiago en 1895, filla de Joaquín Vázquez (de Vilaescura) e Andrea Suárez. O título de mestra superior acádao en 1913 e en 1918 é nomeada para a escola de nenas da Pobra do Caraminal.  En decembro de 1929 consigue a praza de mestra na escola nº 2 de Miño.
Dende o inicio da súa andaina profesional, interesouse pola formación pedagóxica, recibindo cursos de perfeccionamento na Coruña, e simpatizou co movemento de renovación pedagóxica que se estaba a impulsar pola República.
En Miño é lembrada pola súa actividade solidaria a prol das persoas máis desfavorecidas.
María militou no PSOE, participando en mitins e diversos actos, e foi fundadora da agrupación socialista de Miño en 1933. Estaba, tamén, afiliada a UGT dende 1933 e era socia de agrupacións feministas.
En 1933 María impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas.
Contan que foi animada á “vida pública” polo seu pai, Joaquín Vázquez Fernández, militar retirado ascendido a capitán polos seus servizos na guerra de Cuba, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade.
No momento do golpe militar, María atopábase na Coruña, onde foi detida a inicios de agosto e trasladada ao cárcere de Pontedeume. Alí parece que sufríu tortura e ao seu pai nunca lle deixaron pasar a entregarlle roupa ou comida.
O 14 de agosto foi destituída como mestra.
Na madrugada do 19 de agosto, sacaron a María do cárcere, xunto con outros presos, e foi asasinada nunha praia de Miño. A súa morte non foi rexistrada ata decembro.
Foi acusada entre outras cousas de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar á súa nai sen rito católico (cando Andrea morreu en 1934, realizáronlle un enterro civil). Ademais, foi tachada de “elemento peligrosísimo”.
Tras a súa morte, Joaquín foi obrigado a abandonar Miño.
                               3
Dende o asasinato de Maruja, o pai, xa con máis de sesenta anos, caeu nunha depresión que o mantivo afastado da sociedade ata a súa morte, salvo polas esporádicas visitas a outros represaliados da comarca, acudindo todas as tardes a un pequeno agocho que acondicionou en Vilaescura, cerca de Penabión, e que é coñecido como a “casiña do capitán”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario